 |
PLANS DE FUTURO
O GRUPO INGAPAN vai iniciar a construción da Cidade do Pan, un dos proxectos máis ambiciosos no sector das masas conxeladas. O plan inclúe a posta en marcha de oito plantas de produción, un centro loxístico e a nova sede administrativa da compañía.
A Cidade do Pan vaise desenvolver sobre un terreo de 86.000 m2 adquiridos en Outeiro de Rei (Lugo).
A primeira fase que se prevé finalizar no verán de 2008 vai recibir un investimento de 14 millóns de euros, as actuacións previstas pasan pola posta en marcha dun edificio central de oficinas con 2.750 m2, un centro loxístico con capacidade para 9.600 palés, e unha primeira planta, que albergaría tres liñas de produción para a elaboración de pan galego, referencias salgadas e pastelería conxelada.
O proxecto final acadaría as 24 liñas de produción distribuídas entre 8 instalacións produtivas, que elevarían ata 15 o número de plantas da compañía galega.
A construción deste complexo non suporá que o GRUPO traslade a el a súa actividade das fábricas que están en produción en Begonte e O Ceao. Todas elas seguirán en activo e con capacidade de ampliación, polo menos no caso de Begonte, onde funcionan tres liñas, con capacidade de pór en marcha outras tres.
Trasladaranse, iso si, as súas dependencias administrativas, que se encontran actualmente nunha das fábricas de O Ceao, a un edificio corporativo de oficinas centrais, cunha superficie total de 3.600 m2. Nela atoparanse os diferentes departamentos: Comercial, Loxístico, Marketing e Exportación, entre outros.
A ampliación da súa produción e a apertura de novas plantas permitiranlle seguir a incrementar a súa cifra de negocio. Proxectos como este son os que fan augurar un futuro prometedor para a empresa, que continúa a súa traxectoria co mesmo tesón e esforzo que a caracterizan.
|